Un 14 de maio de 1967 finaba de causas naturais, na localidade de Freixeiro (Palas de Rei), o guerrilleiro libertario Ramón Rodríguez Varela, alcumado “Curruxás” pola vila onde se criou de neno.
Nado en en 1905, en Vilouriz (Toques). Traballador nas minas de wolframio de San Fins (Lousame) e militante da CNT, cando se produce a sublevación fascista en 1936, participa na marcha dos mineiros ata Compostela e A Coruña, respondendo ao chamado de resistencia. Logo, bótase ao monte para continuar a resistencia e no 14 de abril de 1937, aniversario da proclamación da II República, nunha acción guerrilleira expropian os cartos das nóminas das minas.
Xa nos anos 40, traslada a súa acción guerrilleira ás comarcas de Terras de Ulloa e Melide, xunto a unha partida de compañeiros militantes de sociedades agrarias e sindicatos, mais colaborando coas partidas do Grupo Neira e membros da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia. Respondendo ás recomendacións da Confederación en 1947, abandona a loita armada e procura refuxio en Vilamor, ata a súa morte en 1967.
Nunca foi capturado pese a persecución grazas ao apoio solidario de veciños, compañeiros e amigos que lle prestaron un apoio fundamental e que fixeron de Curruxás un mito, no que lenda e verdade se confunden en numerosos episodios que eran contados en voz baixa pero coñecidos por todos e todas.
En 2009, o historiador Carlos Parrado publica en A Nosa Terra, a obra “Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco“, na que narra a vida e a loita de Curruxás.
Documental da TVG, dirixido por J. Antonio Durán, sobre a figura de Curruxás, no canal de youtube da Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins








