Vítimas mortais da represión da Folga de 1901 na Coruña

Mauro Sánchez Vázquez

Mauro Sánchez era empregado de consumos, estaba en folga desde esa mesma mañá do 30 de maio de 1901, e pola tarde estaba a participar no piquete frente ao fielato da rúa de Cabaleiros cando, tralos disparos da Garda Civil, o seu corpo sen vida ficou deitado no chan fronte ao número 42 da rúa de Cabaleiros. A causa da morte foi un disparos de fusil Mauser da Garda civil que destrozou o seu pómulo. Segundo algunhas novas, estaba a xirarse cando recibiu o disparo que rematou coa súa vida.

Mauro Sánchez tiña 24 anos, estaba casado e tiña cinco fillos de corta idade. Vivía na rúa da Torre.

O seu corpo sen vida sería logo trasladado ao anfiteatro do cemiterio de San Amaro á mañá seguinte para ser enterrado pola tarde tras unha impresionante manifestación de entre 4000 e 7000 persoas.


Jacobo García Eijo

Cando na tarde do 31 de maio comezaron as cargas e disparos, tratou de buscar refuxio no Centro Obrero (na rúa Alta). Cando xa tiña pechado a porta do local sindical, a Garda civil abriu fogo e os disparos atravesaron a porta, quitándolle a vida cando se dirixía ao interior. A bala entrou no seu cranio pola parte posterior e o seu sangue derramouse polo portal ata a rúa, baixo a porta esnaquizada.

Jacobo García era zapateiro, pero tiña traballado por moito tempo na hostalería, tanto como camareiro en diferentes buques como facendo de “mozo de ambigú” nos bailes públicos, polo que era ben coñecido. Vivía na Estrada da Estación, no número 102 ou 162, segundo a fonte. Estaba casado con Emilia Pereira, cigarreira, e non tiñan fillos.


Antonio María Veiga

Na tarde do 31 de maio de 1901, Antonio María Veiga que ía a recoller ás súas fillas, recibe un balazo no vente e cae mortalmente ferido na Rúa Real.

Foi levado á Farmacia Villar onde foi atendido polos doutores Estrada e Fraga para logo ser conducido moribundo ao Hospital nunha cadeira. Malia que algún xornal fala del como “anciano”, Antonio tiña só 51 anos, era carpinteiro, vivía na rúa de Pastoriza, estaba casado e tiña tres fillos: dúas fillas que traballaban de modistas e que tamén vivían na cidade, e un fillo, chamado Fermín, emigrado en América.

Antonio finou no Hospital e foi enterrado do día 3 de xuño.


Antonio Bruno Orro

Outro dos feridos das brutais cargas da tarde do día 31 de maio foi ao augador Antonio Bruno Orro, que foi disparado na esquina con Rúa Alta o que lle causou unha ferida moi grave no peito.

Antonio era natural da Coruña, tiña 30 ou 35 anos (segundo as fontes), estaba casado e vivía na rúa da Perillana.

Finou no Hospital na noite do sábado 1 de xuño. Logo da súa morte mesas petitorias son instaladas en todas fontes da cidade, cubertas con panos negros, co obxectivo de recadar achegas para socorrer á súa viuva, que estaba embarazada, e aos orfos do augador. Foron recadas 234 pesetas para pagar os gastos do seu enterro, mercar unha coroa de flores e auxiliar á súa familia.


Benita García Torres

Traballadora do Hotel de Francia, foi ferida de gravidade no ventre cando estaba na galería do Hotel, en compañía das súas compañeiras de traballo Manuela González e Francisca Rodríguez. Levada ao Hospital aínda con vida, xunto á súa compañeira Manuela, finou o sábado, 1 de xuño de 1901.

Benita García tiña 20 anos e era solteira.


Manuela González Seijo

Ferida grave no ventre como Benita García, a súa compañeira no Hotel de Francia, foi conducida ao Hospital pero finou na mañá do domingo 2 de xuño de 1901.

Manuela González tiña 22 anos, era solteira e natural de Sobrado (Lugo).


Francisco García Lodeiro

Tamén nas cargas da tarde do día 31 de maio, un disparo de Maüser acaba coa vida do carpinteiro (ou albanel, segundo outras fontes) Francisco García Lodeiro, coñecido polo alcume de “Carabel”, na Rúa Alta.

Foi levado de urxencia ao Hospital pero ingresou xa cadáver.

Francisco era solteiro, tiña 34 anos, e tiña unha filla “natural” chamada Elisa que vivía cunha irmá de Francisco na rúa da Amargura, na Cidade Vella.

Francisco, era membro da Sociedade de Carpinteiros, vivía en Riazor aínda que era natural de San Tirso de Mabegondo (Abegondo)


Josefa Corral

Na rúa de San Andrés perdeu a vida Josefa Corral, viúva de Benito Gantes. Josefa, de 42 ou 44 anos (dependendo da fonte), tiña catro fillos, o maior deles de 18 anos.

Cando estaba na galería da súa vivenda, no terceiro piso do número 9 desa rúa, unha bala de Maüser rompeu o cristal e feriuna mortalmente no cranio.

Tendida no chan foi logo atopada pola súa criada, Antonia Miramontes, e atendida sen éxito por algúns veciños, entre eles o coñecido fotógrafo José Sellier.

Finalmente un médico certificou a súa morte pouco antes da chegada dos seus fillos cos que vivía.


Encarnación Alonso

En San Andrés, na casa número 66 (noutros medios situan a casa no nº56), Encarnación Alonso (nalgunhas crónicas aparece como Encarnación Losada), esposa do industrial Eduardo Amado que dispoñía dunha hojalatería no barrio (para outros medios era lampista), foi ferida no peito por unha bala de Maüser que entrou pola fiestras, rachando o cristal e provocándolle unha ferida moi grave, que lle foi atendida por dous médicos no mesmo domicilio. Ao cabo faleceu vítimas das importantes feridas.



One response to “Vítimas mortais da represión da Folga de 1901 na Coruña”

  1. […] dos traballadores e traballadoras asasinadas nos propios sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901, dos que temos falado en entradas anteriores de Memoria Libertaria na Galiza, moitos obreiros […]

    Gústame

Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”