Mártires de Valdeorras (II): Concepción e Remedios Fernández, O Val (1939)

O 23 de outubro de 1939, poucos días despois dos asasinatos de Domingo Rodríguez e Amalia López en Soulecín, un grupo de lexionarios ao mando do tenente Peñamaría de Llano chega ao pequeno pobo de O Val no concello ourensán de Rubiá, moi preto de O Barco de Valdeorras.

Os militares andaban na procura do “fuxido” Jesús Quiroga Arias “Chucho”, nado en Xagoaza (O Barco) no ano 1915 e que se tiña “botado ao monte” logo da sublevación militar fascista de 1936.

Según unha requisitoria publicada en 1945 no Boletín Oficial de la Provincia de León, podemos facer una imaxe de Jesús: “Quiroga Arias, Jesús, El Chucho, natural de Jaguaza (Orense), desconociéndose las demás señas, de unos 30 años de edad, alto, moreno, usaba una cazadora de cuero con pedazos de paño, pantalón kaki y boina negra, sin domicilio por encontrarse huído“.

Semella que Jesús non tiña unha fonda adscrición política. Ao principio incorpórase a un grupo de fuxidos con Gervasio Cereijo “Trenzas” e Mario Rodríguez Losada “Pinche”, pero logo continúa no monte pola súa banda.

Jesús mantiña unha relación sentimental con Felicitas Fernández Cadórniga, natural do Val e nada en 1915, que vivía nesa mesma localidade, nunha casa preto do río, xunto á súa nai Concepción (ou Ascensión, según outras fontes), de 60 anos; a súa irmá Remedios, de 30 anos; e a súa sobriña pequena, Milagros, filla de Remedios. Esta familia era coñecida polo alcume de “As Xobas”.

Pola súa relación con Felicitas, Jesus refuxiouse na vivenda das “Xobas” no Val, pero foi denunciado por un veciño. Aínda que conseguiu romper o cerco militar na súa procura e fuxir de novo ao monte, a represión acabaría cebándose coa familia da súa parella.

Outras fontes afirman que Remedios mantiña tamén unha relación con outro fuxido, Gerardo Núñez Rodríguez “O Perdiguero”, natural tamén de O Val. A familia de Gerardo tamén foi represaliada, sendo asasinados os seus tres irmáns: José, de 30 anos; Francisco, de 28 anos; e Ramón, de 25 anos. Todos eles foron executados dun tiro na cabeza no lugar de O Regueiral. Gerardo acabaría unindo á guerrilla pero foi capturado xunto a Rogelio Rodríguez López [fillo de Domingo e Amalia, ver Martires de Valdeorras (I)] e fusilado en Ourense en 1941.

Aquel 23 de outubro, Felicitas subira a Xagoaza a recoller castañas nuns soutos de castiñeiras da familia de Jesús, xunto ás irmás do fuxido. Cando chegou a Lexión, prenderon a Concepción e Remedios, que foron levadas xunto a unha grande cerdeira na parte alta do pobo. Alí foron aforcadas dunhas sogas colgadas das súas polas, mentres o resto do pobo era obrigado a mirar, incluída a filla pequena de Remedios, Milagros.

Varios veciños foron obrigados a levar os cadáveres ata o cemiterio de Rubiá, a máis de 3 kilómetros do Val, onde pola tarde foron soterradas polos propios veciños. Cando os corpos foron descargados, Concepción seguía aínda con vida. Tratou de colocar a falda da súa filla asasinada, que un refacho de vento abrira, e alí mesmo foi rematada dun tiro na cabeza.

Alertada do que tiña sucedido coa sua familia en O Val, Felicitas escapa tamén ao monte xunto a Jesús, onde permaneceu ata que, cun embarazo moi avanzado, entrégase á garda civil e ingresa en prisión, onde nacerá en 1941 a súa filla Lola.

Logo de sair da cadea, Felicitas regresa coa súa filla ao Val, uníndoselles tamén Jesús, quen permanecerá oculto na vivenda familiar ata o ano 1952 no que por mor dunha delación foi morto nun tiroteo coa garda civil.


Referencias:




Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”