UNHA LEMBRANZA LIBERTARIA AO COMPAÑEIRO SALVADOR PUIG ANTICH
CAMPAÑA DE MEMORIA LIBERTARIA – CGT
Un 2 de marzo de 1974, a ditadura franquista agonizaba e morría matando, matando ao libertario Salvador Puig Antich, na prisión Modelo de Barcelona, a garrote vil.
Salvador, mozo antifranquista e activista anarquista do Movemento Ibérico de Liberación (MIL), foi detido o 15 de setembro de 1973, nunha acción represiva e, tras pasar pola farsa do xuízo militar, foi asasinado. Ese 2 de marzo, noutro centro de represión xeral, a prisión de Tarragona, era tamén asasinado o compañeiro alemán Heinz Ches (George M. Welzel), coa intención de desviar a presión e mobilización internacional xerada contra o réxime fascista de Franco e mailos seus secuaces, polo proceso a Puig Antich e a súa condena a morte.

O contexto histórico e de loitas polas liberdades colectivas, viña de moi atrás, pois desde o golpe de estado de 1936, a cargo dos fascistas e os seus aliados dos poderes fácticos, a loita non tiña cesado.
Eran case 40 anos de contenda permanente, pola Liberdade e contra a opresión. O Movemento Libertario, ao igual que outros grupos militantes, estaba na barricada social, nas rúas. Pouco antes, o 20 de decembro de 1973, tivera lugar o atentado contra o almirante Carrero Blanco, presidente do goberno do xenocida Franco. Mobilizacións obreiras e de estudantes sucedíanse, mais tamén os asasinatos franquistas e a represión continuada da Tribunal de Orde Pública (TOP). Máis nada podía parar as arelas do pobo, para derrocar un réxime autoritario e represor, que só tiña traído morte, miseria e dor.
Salvador naceu o 30 de maio de 1948 en Barcelona, nunha familia traballadora de seis irmáns e irmás, a súa nai Inma Antich e o seu pai Joaquín Puig, padeceran o exilio, pasando Joaquín polo campo de Argeles-sur-Mer, un xuízo sumarísimo ao volver a España, unha condena a morte e o indulto. Todo este proceso familiar, concienciou a Salvador e levouno á militancia activa, ao igual que el Maio francés de 1968, a morte do estudante Enrique Ruano en 1969 na Dirección General de Seguridad e a xeral situación de represión continuada.
Alcumado “el Metge”, evolucionou ao ideario anarquista, incorporándose ao MIL. Tamén participou na revista “CIA” [Conspiración Internacional Anarquista] e a editorial “Mayo 37”.
As accións para “socializar” os cartos dos bancos e apoiar as folgas e comités pro presos, sucedéronse, xunto a Jean Marc Rouillan, Josep Lluis Pons e Jordi Sole, sendo detido en 1973. E así comezou o suplicio, a tortura e logo o seu asasinato.
50 anos pasaron e a lembranza do seu compromiso e loita libertaria, permanece e crece.










Deixar un comentario