A partir dos xuizos en Consejo de Guerra, das novas de prensa e da interpelación parlamentaria dunha entrada anterior, rescatamos as historias dalgúns dos protagonistas daquelas xornadas revolucionarias:

- José Cacheiro, xornaleiro, veciño de Cambre, foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior polos sucesos de decembro de 1933.
- Mercedes Cadavieco Leira. Xulgada por atentado a axentes da autoridade, foi condenada a dous meses e un día de arresto e 250 pesetas de multa.
- José Candame Pérez, veciño de Elviña. Xulgado polo delito de sedición, foi condenado a catro meses e un día de arresto.
- Tomás Castelo González, nado en 1904. Labrego e veciño do lugar de Sarro en San Pedro de Nos (Oleiros). Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día, pena que cumpriu na cadea coruñesa en prisión preventiva e foi posto en liberdade. En abril de 1934 é acusado de estar implicado no incendio da igresa de San Pedro de Nos, xunto a Juan Rioboo. Na cadea, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934).
- Fernando Castro Paradela, concelleiro de ORGA e logo da Fronte Popular en Oleiros (A Coruña). Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais.
- Antonio Catoira, alcalde de barrio en Elviña. Foi fundador do primeiro equipo de futbol deste pobo, chamado Os Rexumeiros, en 1920. Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais.
- Luciano Costa García, veciño de Cambre, foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior, polos sucesos de decembro de 1933. Foi concelleiro do Frente Popular en Cambre. O 16 de agosto de 1936, foi paseado e o seu corpo apareceu en Veira-Carral.
- José Fernández Cortés (a) Callobrés. Nacido en Callobre (Miño), viviu a emigración nos Estados Unidos. Foi elixido para varios cargos no Sindicato de Profesións Varias de Betanzos da CNT en 1925. Na II República foi secretario do Sindicato de Profesiones Varias (1931) e da Comarcal da CNT, participando tamén na fundación do grupo anarquista Liberación e no Centro Cultural Obrero e colaborando coa publicación Solidaridad Obrera. En 1934, deixou a actividade sindical e montou unha taberna. Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais.
- José Fernández Sánchez, veciño de Elviña. Foi detido, gravemente ferido, fronte ao fielato de Monelos, como sospeitoso de ter participado na morte do garda de asalto en Elviña. Foi absolto polo tribunal.
- Asunción García Mallo. Xulgada por atentado a axentes da autoridade, foi condenada a dous meses e un día de arresto e 250 pesetas de multa. Casada con José Rey Louzán, veciño do barrio do Santo Amaro na Coruña, e condenado en decembro de 1933 por a dous meses e un día de arresto por “injurias a los agentes de autoridad”.
- Amador García Pazos, detido na Coruña en decembro de 1933, foi acusado de provocar desordes públicos e logo absolto dos cargos.
- Ricardo González Villaverde, nado en 1909, natural de San Pedro de Nos (Oleiros) e veciño do mesmo lugar, de profesión zapateiro, solteiro. Xulgado en xaneiro de 1935 polo asalto ao cuartel da garda civil de Oleiros de decembro de 1933, foi condenado a seis meses e un día de cárcere. Cumprindo prisión preventiva na cadea coruñesa, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934).
- Antolín Medín Barral, veciño de Betanzos, é detido na Coruña en decembro de 1933, acusado de provocar desordes públicos e foi logo absolto dos cargos.
- Cesáreo Méndez Vázquez, veciño do barrio coruñés da Falperra e afiliado da CNT desta cidade. Exerceu diversas responsabilidades nos Sindicatos de Peóns e na sección de Empacadores do Sindicato da Industria Pesqueira da CNT. Socio do Centro de Estudos Sociais “Germinal”. En decembro de 1933, foi detido xunto a Nilo Pena Veira e acusado dos ataques con bomba a transformadores eléctricos na cidade durante as xornadas revolucionarias. Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais. Condenado en Consello de Guerra, cumpriu condena e foi amnistado en 1936. Participou na resistencia á sublevación fascista en xullo de 1936 e logo bótase ao monte. Finalmente é detido nun intento de fuxida polo porto do Portiño e asasinado no Monte Santiso, no concello de Aranga. O seu corpo foi identificado nunha fosa común no cemiterio de Vilarraso (Aranga) en 2009. O seu nome aparece nos diarios de Syra Alonso, viuva do pintor Francisco Miguel, tamén asasinado e tamén soterrado nunha foxa común, desta volta no lugar de Bértoa-Carballo.
- Miguel Navarro. Sindicalista da Federación Ferroviaria anarcosindicalista, como Francisco Llerena, morto nos sucesos de Oleiros, con quen participou como orador nun mitin en xaneiro de 1932 no Teatro Rosalía de Castro, xunto a José Moreno (FLO da Coruña), José Láuzara (SOV da Coruña) e Francisco Durán (tamén ferroviario e militante do Sindicato da Industria Ferroviaria da CNT). Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais.
- Nilo Pena Veira, mariñeiro, nado en 1910. Foi detido xunto a Cesareo Méndez en decembro de 1933, acusado dos atentados con bomba contra transformadores elécticos, xulgado e condenado. Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais. En febreiro de 1936 aparece implicado no tiroteo contra Juan Canalejo na Coruña, en compaña de Ramón Mejuto Eiroa, tipógrafo, nado en 1913 e socio de Germinal, malia non atoparse no lugar dos feitos.
- Manuel Pérez Crespo, detido na Coruña en decembro de 1933, foi acusado de provocar desordes públicos e logo absolto dos cargos.
- José Pérez Ferreño, veciño de Cela, en Cambre; foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior, polos sucesos de decembro de 1933. O 18 de xullo de 1936, foi paseado e o seu corpo apareceu na Grela.
- Antonio Placer García, alcumado por “Molete”, xornaleiro, veciño de Cambre, foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior, polos sucesos de decembro de 1933.
- Antonio Orro Orro. Foi xulgado xunto a Cesareo Méndez e Nilo Pena polos atentados con bomba contra instalacións eléctricas na Coruña, sendo absolto polo tribunal.
- Cándido Patiño Garrido. Xulgado por Consello de Guerra en xaneiro de 1935 polo asalto ao cuartel da garda civil de Oleiros de decembro de 1933. En prisión preventiva na cadea coruña, en setembro de 1934 asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934). Condenado a 4 anos de cárcere, cumpriu condena en Burgos, onde ten que ser atendido na enfermaría por maltratos, en xaneiro de 1936. Finalmente, regresou á Coruña en febreiro de 1936 cun grupo de amnistiados.
- Julio Peón Buró, metalúrxico, nacido en Collantres (Coirós) en 1906 e veciño da Coruña (San Diego, 10, 2º). Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día, pena que tiña xa cumprida en prisión preventiva polo que foi posto en liberdade.
- José Pereiro Calza, nado en 1899, natural e veciño de Oleiros (A Coruña), chofer de profesión. Foi xulgado en abril de 1934 por tenencia ilícita de armas, logo de serlle practicado un rexistro no seu domicilio, pola Guardia civil de Oleiros, atopando unha pistola, un revólver e unha navalla de grandes dimensión, sendo condenado a unha pena de catro meses e un día de arresto maior. Xulgado en xaneiro de 1935 por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día, pena que que tiña xa cumprida en prisión preventiva polo que foi posto en liberdade. En setembro de 1934 asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934).
- Ricardo Pereiro Varela. Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día, pena que cumpriu na cadea coruñesa en prisión preventiva e foi posto en liberdade. Na cadea, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934). ,
- José María Rey Ferreiro. Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día, pena que cumpriu na cadea coruñesa en prisión preventiva e foi posto en liberdade. Na cadea, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934).,
- Mario Rico Cobas, nado en 1903, era obreiro do metal e sindicalista da CNT na industria naval. Participou na creación do Sindicato General de la Industria Naval da CNT e mais da Federación Comarcal de Sindicatos Únicos de Ferrol en 1931. Participou en varias publicacións obreiras como Cultura Proletaria, Solidaridad Obrera e CNT. Foi sometido a Consello de Guerra polos sucesos de 1933, En 1934 afiliouse ao Partido Sindicalista de Angel Pestaña, participando en varios actos de propaganda do Estatuto. Logo da sublevación fascista de 1936, foi asasinado nos montes de San Felipe, preto de Ferrol.
- Juan Rioboo Gómez, xornaleiro. Nado en 1910, alcumado “o criado da Mona”, veciño de Coroto en San Pedro de Nos (Oleiros). Foi xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 2 anos de prisión, pena que cumpriu na cadea coruñesa, onde xa estaba en prisión preventiva e onde asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934). En abril de 1934 é acusado de estar implicado no incendio da igresa de San Pedro de Nos, xunto a Tomás Castelo.
- Federico Rodríguez Ponte, veciño de Altamira (Cambre). Foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior, polos sucesos de decembro de 1933. En 1936 foi detido, xulgado polo cargo de rebelión militar, e condenado a morte. A sentencia executouse o 25 de xaneiro de 1937.
- Reinaldo Rumbo Candal, veciño de Culleredo (A Coruña). Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día. Cumprindo prisión preventiva na cadea coruñesa, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934).
- Ernesto Santiso Rodríguez, veciño de Vilaboa (Culleredo), traballa na CAMPSA e exerce varias responsabilidades sindicais na Federación Nacional de Empregados e Obreiros do Petróleo, participou da creación do Ateneo da Vila de Rutis en 1931. Foi encarcerado logo do movemento insurreccional de decembro de 1933. Aparece citado na interpelación parlamentaria do deputado Bruno Alonso, como vítima de abusos policiais. Asina, dende a cadea da Coruña, unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934). Foi xulgado en consello de guerra e condenado a 26 anos de prisión como promotor do intento de asalto ao cuartel da garda civil de Oleiros, pena que cumpriu na cadea da Coruña e nos penais do Dueso. Logo do triunfo da sublevación, pasase á Falange e morre en 1937.
- Francisco Seijo Don. Xulgado por Consello de Guerra na Coruña, foi condenado a 6 meses e un día. Cumprindo prisión preventiva na cadea coruñesa, asina unha carta aberta dos presos sociais á organización coruñesa en setembro de 1934, publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934). Pola coincidencia de lugares e apelidos, podería ser irmán de José Seijo Don.
- Jesús Serantes Gómez, socio do Centro de Estudios Sociales “Germinal” da Coruña, veciño da Coruña (San Juan, 22). Xulgado por Consello de Guerra en xaneiro de 1935 polo asalto ao cuartel da Garda civil de Oleiros de decembro de 1933. Condenado a 4 anos de cárcere, cumpriu condena en Burgos e regresou á Coruña en febreiro de 1936 cun grupo de amnistiados.
- Benito Varela López. Xulgado en xaneiro de 1935 polo asalto ao cuartel da garda civil de Oleiros de decembro de 1933, foi condenado a seis meses e un día de cárcere. Preso no cárcere da Coruña en setembro de 1935, colabora nunha suscripción en apoio do diario CNT e asina un artigo en Solidaridad de A Coruña en outubro de 1935. Morreu vítima da tisis o 30 de marzo de 1936 a consecuencia do seu paso polo reformatorio de Alcalá de Henares. En abril de 1936, Solidaridad denunciaba aos funcionarios de prisións acusados da súa morte.
- Jesús Varela Manteiga, alcumado “Chucho de Anceis”. Xornaleiro, veciño de Anceis (Cambre), foi xulgado baixo acusación de sedición e condenado a catro meses e un día de arresto maior, polos sucesos de decembro de 1933. En 1936 foi detido, xulgado polo cargo de rebelión militar, e condenado a morte. A sentencia executouse o 25 de xaneiro de 1937

Ilustración tomada de CNT : órgano de la Confederación Nacional del Trabajo en España: Año II Número 174 – 1933 junio 23
Referencias:
- Apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego en CNT – Galiza
- O asociacionismo en Culleredo na Segunda República, de Carlos Pereira Martínez, en Anuario Brigantino 1999, nº19
- Historiadores identifican a 9 republicanos enterrados en Aranga, en La Opinión de A Coruña de 22 de maio de 2009
- 1936-1939: As vítimas betanceiras da represión, de Xesús Torres Regueiro, en Anuario Brigantino 2006, nº 29
- Xeración Perdida 36. Representatividade institucional republicana e Represión na provincia da Coruña. Deputación Provincial da Coruña
- A cultura en Culleredo na Segunda República: o Ateneo de la Villa de Rutis” por Carlos Pereira, Colección Xerminal, caderno nº1 (2001) – Ateneo Libertario Ricardo Mella da Coruña
- Base de datos – Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” (2006)
- ¿Orden o república?: Conflictividad social y política en A Coruña (1931-1936) por Eliseo Fernández e Emilio Grandío, Libros de la Catarata, Colección Investigación y Debate, 286 (2020)
A carta á que se fai referencia nalgunha da notas biográficas anteriores, foi publicada en Solidaridad Obrera, 177 (A Coruña, 29-9-1934), e recollida na obra “A cultura en Culleredo na Segunda República: o Ateneo de la Villa de Rutis” por Carlos Pereira, A Coruña 2001, Colección Xerminal nº1 – Ateneo Libertario Ricardo Mella da Coruña:
Tal como viene
Carta abierta para la organización coruñesa, de los Presos Sociales
A la Organización coruñesa y Confederal
Salud y Libertad
Trabajadores: Por primera vez y en este sentido, los presos sociales de la cárcel de La Coruña, se dirigen a vosotros para deshacer entuertos y poner las cosas en su lugar, para que la verdad ocupe el sitio que siempre ocupó en nuestros medios, y he aquí el motivo de esta carta.
La mayoría de los que avalamos esta carta, con nueve meses de cautiverio (o sea desde el movimiento de Diciembre del 33) nos vemos sorprendidos continuamente por individuos que en la obscuridad, dicen que los presos sociales se hallan desamparados por el Comité Pro-Presos, cuando como en Jauja podíamos estarlo; por los “muchos medios” que la Organización le da al Comité para atendernos. Ante esta calumnia (así lo decimos a quienes tal dicen) tenemos que decir honradamente que el Comité Pro-Presos siempre nos atendió dentro de sus pocos medios hasta la fecha, y el cual no (4 palabras borrosas) la misma Organización que es la que nos abandona, al no cotizar como es su deber a ese organismo de tanta responsabilidad sindical.
Creemos que no es disculpa para cotizar, el querer saber en qué se invierten cantidades, sabed que es para hermanos caídos y (que como a nosotros los presentan) las cantidades se pueden ver en Comisiones nombradas por la misma Organización, pero nunca zascandiles que en vez de obreros parecen agentes desorganizadores.
¡Esta es la verdad trabajadores! Si nos amamos como hermanos explotados, coticemos para presos; y después seremos bien atendidos.
Salud y libertad os desean fraternalmente los presos sociales.
Juan Rioboo Gómez, Francisco Seijo, Manuel Castro, Julio Peón, José Pereiro, Ricardo Pereiro, José Rey, Ricardo González, Tomás Castelo, Cándido Patiño, Ernesto Santiso, Reinaldo Rumbo, Ventura Vidal y José María Pazos.
Cárcel Coruña, 24 de septiembre de 1934








Deixar un comentario