Acto en lembranza das vítimas da represión na Folga de 1901 na Coruña

Un ano máis, a CGT da Coruña celebrou a tradicional ofrenda floral en homenaxe ás vítimas da represión contra a folga xeral que fora convocada polas sociedades obreiras o 31 de maio de 1901, en protesta polo tiroteo pola Garda civil na tarde anterior dunha manifestación obreira na que resultou morto un “consumeiro” en folga.

O domingo 2 de xuño de 2024, un pequeno grupo de compañeiros e compañeiras, preto de 20 persoas, déronse cita no Monolito que foi erixido a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, no cemiterio coruñés de Santo Amaro, anos despois dos sucesos (no 1906).

Desta volta, os intervintes fixeron repaso non só dos feitos acontecidos naqueles días, senón tamén de como a violenta represión contra o movemento obreiro continuou ao longo de meses e incluso anos, con detencións masivas de militantes obreiros, incluíndo aos presidentes da totalidade de Sociedades obreiras coruñesas naquel tempo, salientando ao compañeiro Juan José Cebrián García, de quen se fixo unha pequena reseña biográfica. Narrouse como as detencións foron seguidas de xuízos e consellos de guerra con penas de ata 20 anos de reclusión mentres a cidade permanecía en estado de guerra ata varios meses despois dos feitos, có único obxectivo de desartellar a organización obreira que, unha vez máis, deu fonda resposta solidaria á represión cunha campaña de apoio aos presos e ás vítimas, non só na propia localidade senón polo mundo enteiro, grazas á campaña iniciada pola publicación anarquista La Revista Blanca.

Como ven sendo costume, de seguido tivo lugar unha ofrenda similar no Monumento ás vítimas do franquismo na comarca da Coruña que foi erixido en 2010 na avenida de Navarra, preto do campo da Rata, onde se recollen os nomes de máis de 600 persoas asasinadas polo franquismo.




Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”