A CGT da Coruña chama a participar na V Marcha pola Recuperación da Casa Cornide

Xunto con outras sesenta organizacións da comarca coruñesa apoian a convocatoria da quinta edición desta Marcha que será desenvolvida o vindeiro 14 de decembro, sábado, a partir das 12 horas dende a Praza de María Pita.

A protesta está organizada pola Comisión Defensa do Común e xa foi apoiada por preto de sesenta organizacións sindicais, políticas, culturais… da cidade e a comarca da Coruña, en demanda da recuperación para a cidadanía da Casa Cornide.

A Casa Cornide é unha construción de inspiración francesa do século XVIII, deseñada por Francisco Llobet para a familia Cornide. Ocupa unha superficie de máis de 1400 metros cadrados en plena Cidade Vella da Coruña, cunha fachada de case 21 metros, situada fronte á portada románica da Colexiata de Santa María do Campo.

Logo varios usos ao longo dos anos, trala guerra civil atopábase en desuso e foi adquirida polo Ministerio de Educación Nacional franquista para darlle uso como Conservatorio. Nos anos 50 do pasado século, sendo alcalde da Coruña o sinalado franquista Alfonso Molina inícianse os trámites para o espolio, que logo culminará Sergio Peñamaría de Llano, mediante unha permuta por un terreo en San Roque de Fóra, polo que en marzo de 1962 o edificio pasa a ser propiedade municipal, para logo ser rápidamente subastado e adquirido dese xeito por Pedro Barrié de la Maza, outro sinalado franquista, por 305.000 pesetas. De seguido, a Casa Cornide é vendida a Carmen Polo, esposa do ditador, por 25.000 pesetas. Trala morte da viúva do ditador en 1988, a Casa Cornide fai parte do inmenso patrimonio da familia Franco que puxeron en venta a construción no medio das reclamacións da súa recuperación.

A pesar da declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) do edificio pola Xunta de Galicia, a Casa Cornide segue pechada a visitas públicas, o que infrinxe a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios á apertura dun mínimo de catro horas diarias durante catro días ao mes. Fronte ao flagrante incumprimento da lei, a Xunta actúa con permisividade coa familia Franco cunha sanción ridícula de apenas 3000 €. Coa Marcha tamén reclámaselle ao goberno autonómico unha sanción exemplar aos propietarios tras ano e medio de incumprimento.

Asemade, malia a aprobación por unanimidade do pleno do Concello da Coruña en 2019 dunha moción pola devolución da casa Cornide, acordando tamén presentar unha demanda no xulgado, o goberno municipal do PSOE non ten trasladado á Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, «principais promotores do espolio da Casa Cornide para beneficio do ditador”.

A CGT da Coruña convoca á súa afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral a que saian á rúa ese día a participar nesta Marcha que finalizará diante do propio edificio.

Manifesto – V Marcha Cívica pola devolución da Casa Cornide – 2024 (PDF)




Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”