No ano 1985, Juan García Durán publica unha das principais obras bibliográficas sobre a guerra civil española: La guerra civil española : fuentes (archivos, bibliografia y filmografia). Na dedicatoria deste traballo, García Durán escribe o seguinte:
«A Lino Carrión Castilla y Alfonso Castillo López, compañeros de celda, a quienes una madrugada de marzo de 1938, en la cárcel de La Coruña, se les dijo: Ustedes con dieciséis más se van, y Secundino Rodríguez Eiras y Juan García Durán se quedan. Tal era la guerra civil».
Juan García Durán fora detido na Coruña en xullo de 1937, tras un frustrado intento de fuga por mar. En realidade o seu nome era Luís Costa García, pero adopta esa falsa identidade na detención para dificultar a súa identificación. Carpinteiro, natural de Vilagarcía, Luís tiña 22 anos. No verán de 1937 estaba refuxiado no Birloque, no domicilio do metalúrxico anarcosindicalista, Lino Carrión Castilla, que tamén foi detido.
Ambos foron xulgados o día 9 de outubro de 1937, en Consello de Guerra xunto a Secundino Rodríguez Eiras, fogueiro naval e militante do Sindicato da Industria Pesqueira da CNT, de 31 anos, natural de Carril e veciño de Casas da Senra, na Coruña. Estivera fuxido polos montes de Vilagarcía ata a súa detención. Todos eles foron acusados do delito de rebelión militar e todos foron condenados a morte.
Ese mesmo día, un dependente de comercio, natural de Ferrol e mobilizado forzoso polo “exército nacional”, Andrés Pérez Adega, foi tamén xulgado e condenado polo mesmo delito e á mesma pena.
Aurora Seijas Fidalgo, veciña da Coruña, de 31 anos, fora tamén xulgada ese día, acusada de auxilio á rebelión militar e condenada a 15 anos de reclusión.



En espera da execución da sentencia, naquela noite de marzo de 1938, hai catro presos compartindo cela na cadea da Coruña: Juan García Durán, Alfonso Castrillo López, Secundino García Eiras y Lino Carrión Castilla.
Anos despois, dende o exilio en Francia, Juan García Durán publica un artigo titulado “Episodios Indelebles”, na publicación España Libre, o voceiro da CNT de España (M.L.E.) no exilio francés. Neste artigo plasma as lembranzas daquela tráxica noite:

Cando está a clarexar o día, ás seis da mañá, son fusilados os seguintes compañeiros:
- José Feito García, de 38 anos, Barbeiro, veciño da Coruña, comunista. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte
- Aquilino Parapar Franco, de 43 anos, traballaba como mariñeiro e era natural de Viveiro. Aquilino era militante da CNT, membro do Sindicato de Industria Pesqueira e foi directivo de “El Despertar Marítimo”.
- Luís Ardao López, labrego, de Liáns (Oleiros), comunista. En 1936 cumpría condena en El Dueso por un atraco en Arteixo. Foi liberado e combateu no exercito republicano. Ao caer a fronte, pasou a Galicia, e estivo escapado polos montes. Finalmente, Luís Ardao foi detido en Monfero. Xulgado na Coruña por rebelión militar en xaneiro de 1938, foi condenado á pena de morte.
- Alfonso Castrillo López, peón de 24 anos, veciño de Trubia pero natural de Chile. Membro do PCE e dirixente das Xuventudes Socialistas Unificadas en Asturias.
- Lino Carrión Castilla, metalúrxico, afiliado á CNT, natural de Valladolid e veciño, como dixemos, do barrio do Birloque na Coruña.
- Andrés Pérez Adega, de 21 anos, traballaba como dependente. Natural de Ferrol, pero veciño da Coruña. Fora mobilizado polo exército nacional e foi xulgado por rebelión militar.

No ano 1943, máis de cinco tralo fusilamento, o BOE publicaba o anuncio de incoación de expediente de responsabilidades políticas contra Lino Carrión, xunto con, entre outros, os seus compañeiros de presidio superviventes, García Durán e Rodríguez Eiras.


Boletín Oficial do Estado, 29 de setembro de 1943, anexo único – nº272









Deixar un comentario