A ARMH agarda polo permiso do Obispado de Santiago para iniciar a exhumación dos corpos de catro asasinados polo fascismo en Bértoa (Carballo – A Coruña). A ARMH dí que xa dispón de todos os permisos pero que a Igrexa está a alongar o proceso, retrasando as respostas e alegando a oposición dalgúns feligreses á exhumación dos corpos.
O 29 de setembro de 1936, catro coruñeses foron secuestrados e tiroteados, e os seus corpos foron abandonados no Campo de Morgade, na localidade de Queo de Arriba en Bértoa (Carballo) na comarca de Bergantiños. Foron enterrados polo párroco, Antonio Coello, e os veciños da localidade, no cemiterio de Bértoa.
Os seus nomes eran:
- Juan Boedo Pardo, de 28 anos e dous fillos, era obreiro, gasista de profesión, veciño de San Cristobo das Viñas, na Coruña. Segundo algunhas fontes, natural de Betanzos e sindicalista. Algunha referencia (*) vencella a Juan co Ateneo Libertario “Resplandor en el Abismo” na aldea da Silva (hoxe xa un barrio da cidade). Logo de andar fuxido no monte xunto ao seu irmán, ambos foron detidos na Costa da Unión. Malia que o seu irmán salvou a vida, Juan foi asasinado.
- Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, obreiro, porteiro de profesión e conserxe do Colexio Notarial da Coruña, veciño da Coruña. Segundo algúns relatos dos sucesos, Andrés refuxiou ao seu fillo Pedro nas novas instalacións do Colexio Notarial, nun edificio rematado de construir en 1931, na Praza de Galicia, en pleno Ensanche da Coruña, fronte ao daquela tamén novo Pazo de Xustiza. Un rexistro na súa procura acabou atopando ao fuxido e rematou coa detención e “paseo” de ambos.
- Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, obreiro, mecánico, veciño da Coruña e fillo de Andrés Pinilla Fraga.
- Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, artista, veciño de Oleiros (A Coruña). Atoparon o seu cadaver con dous balazos no estómago e un no ombreiro, ao seu corpo fendéronlle a testa e cortáronlle as máns. A súa parella, Syra Alonso, e mailos seus fillos, conseguiron logo fuxir cara o exilio en México




(*) Artigo de Xoan Abeleira en “La Opinión de A Coruña” (xuño de 2006) do que a única referencia atopada está nun Foro de “A las barricadas”









Deixa unha resposta a Atopados os restos das “Vítimas de Bertoa”, asasinados en 1936 – MEMORIA LIBERTARIA NA GALIZA Cancelar a resposta