O colectivo Refuxios da Memoria organiza un ano máis o Día das Mapoulas Libertarias, desta volta adicado á figura de Basilisa Álvarez, A Corales, militante libertaria das Atochas, coa seguinte axenda de actividades:
O sábado 8 de Xullo, ás 21 horas, Presentación do libro “Basilisa Álvarez, A Corales. Unha mapoula nas Atochas”, unha aproximación biográfica e un exercicio de imaxinación a través de media ducia de textos de ficción e ‘collages’, no Patachim (rúa de Orillamar, 16, na Coruña).
O luns, 10 de Xullo, Roteiro sobre a memoria libertaria das Atochas e Monte Alto que comezará, ás 20 horas, na entrada principal do cemiterio de Santo Amaro, e acabará, ás 21h, na praza da Corales. O roteiro percorrerá dende o cemiterio, os seguintes puntos: a rúa de Marconi, a praza de Cantigas da Terra para rematar na praza da Corales, na intersección das rúas de San Xoán e San Xosé, onde terá lugar o acto central do Día das Mapoulas, a partir das 21h, coa inauguración simbólica desta praza, onde estivo a casa-refuxio da Corales, con música e lecturas. A partir das 22 horas haberá Foliada, no Patachím.
Por último, o luns 24 de Xullo, terá lugar un Faladoiro da memoria antifascista das Xubias e Sardiñada, no local da asociación Eumedre, nas Xubias de abaixo, a partir das 19 horas, en recordo do intento de fuga do ‘Tres hermanos’, en 1938.









Deixar un comentario