O vindeiro mércores, 10 de xullo de 2024, terá lugar unha nova celebración do Día das Mapoulas Libertarias, organizado polo colectivo Refuxios da Memoria.
Esta celebración ten por finalidade manter viva a memoria das veciñas dos barrios das Atochas e Monte Alto que entre 1936 e 1937 artellaron unha rede de casas nas que dar refuxio ás compañeiras e compañeiros perseguidos polo fascismo.
Desta volta, os actos comezarán no Campo de Artillería, ás 19 horas, cunha conversa sobre a importancia histórica e o presente dos centros sociais, ateneos e espazos de autoxestión na cidade da Coruña.
O roteiro continuará ata a praza de Cantigas da Terra, onde ás 19:30 horas, terá lugar un acto de lembranza da resistencia das mulleres libertarias que o 10 de xullo de 1937 foron asasinadas ou detidas na persecución fascista da rede de apoios e casas refuxio, localizadas varias neste mesmo punto do barrio.
Para rematar, ás 20 horas, na praza da Corales será reivindicado o novo nome da praza, coa reposición da placa que homenaxea a Basilisa Álvarez “Corales”, unha daquelas veciñas libertarias homenaxeada o ano pasado no Día das Mapoulas Libertarias, nunha celebración con música, cereixas e sardiñas para lembrar o legado das mapoulas.









Deixar un comentario