Na mañá do 18 de outubro de 1939, moi cedo, un grupo de soldados do I Tercio da III Bandera da Legión Española con base no Pazo ou Casa Grande de Viloira, situado no Barco de Valdeorras, ao mando de Sergio Peñamaría de Llano chega a aldea de Soulecín, na parroquia de Santigoso, no mesmo concello de O Barco.


Alí vivía en 1936 a familia de Amalia López Ojeda e Domingo Rodríguez Fernández, labrego e emigrante retornado de Cuba, xunto cos seus fillos: Rogelio, Sebastián, Domingo e Alfonso, e mailas súas dúas fillas (Antonia e Consuelo ou “Chelo”). O irmán maior, Francisco, logo do seu casamento na Cabreira (O Bierzo-León), vive en Salas de Ribera.

Logo da sublevación fascista de 1936, Rogelio, que estaba a traballar na sega en Castela, regresa á Galiza. Ao seu regreso é mobilizado e obrigado a servir no exército sublevado na campaña de Asturias, mais deserta e pasa ao exército republicano ata a caída da fronte asturiana, momento no que regresa á casa familiar de Soulecín e alí vive oculto, dándoselle por morto na fronte.
Outro irmán, Sebastián, tamén deserta do chamado “exército nacional”, aproveitando un permiso tras ser ferido na fronte do Ebro e vive, xunto ao seu irmán, ocultos na casa familiar, ata seren sorprendidos en febreiro de 1939 pola Garda Civil que andaba na procura de Sebastián. Tras un tiroteo, ambos escapan ao monte para logo unirse ás partidas guerrilleiras da Serra do Eixo.
Coa súa fuxida comeza o pesadelo da represión para toda a familia dos fuxidos: detencións arbitrarias de pais e irmás, estancias en prisión, interrogatorios na procura de coñecer o paradoiro dos fillos e irmáns, torturas, represión económica, …
Pero esa mañá de outono de 1939, logo de máis de tres anos da sublevación e seis meses despois de que fora radiado o famoso “último parte de guerra” (1 de abril de 1939), un numeroso grupo de soldados da lexión (preto de 100 según testemuñas presenciais) ao mando do “caballero legionario” Peñamaría, chega a Soulecín.
Entran no domicilio da familia Rodríguez López e comezan a golpear cun pau á parella, aínda no seu dormitorio. O fillo menor, Domingo, e as nenas Antonia e Chelo, tamén moi pequenas, son sacadas da casa polos soldados e encerradas na loxa xunto aos animais mentres continúa a malleira e as insistentes preguntas polos fillos maiores. Domingo e Amalia non responden nin dan conta dos seus fillos, malia apuntarlles cunha pistola na cabeza e recibir unha morea de golpes.
Seguindo as testemuñas das persoas que viviron o sucedido esa mañá, o resto da tropa saca a toda a xente da aldea das súas casas e obríganos a reunirse na eira diante da casa para presenciar os feitos, o “castigo ejemplar” aos disidentes. Sacada a parella a rastras da súa casa, o oficial ordea dar morte a tiros a Domingo e Amalia.
O primeiro soldado en recibir a orde, tamén ourensán como as vítimas, négase a disparar pero outro lexionario, o asturiano Luis Zarracina ofrécese voluntario para cumprir a orde. Amalia cae morta tras cinco disparos no peito e Domingo morre tamén, abrazado á súa muller, abatido dun disparo na cabeza.
Daquela, o oficial da orde de que os veciños caben unha fosa no medio do camiño “para que los carros y la gente les pisaran encima”. Foron enterrados alí, na beira do camiño, envoltos nunha saba e unha manta.
Por desexo da familia, Domingo e Amalia seguen alí soterrados, á beira do camiño de Sampaio en Soulecín, abrazados, tal e como foron asasinados.


Logo de incorporarse á guerrilla, nunha refriega en maio de 1940, os guerrilleiros Rogelio e Sebastián acaban coa vida do lexionario Zarracina que executou a orde de asasinar aos seus pais.
Os irmáns máis novos Alfonso e Domingo incorpóranse tamén á guerrilla, e finalmente os catro irmáns Rodríguez López morren loitando no monte ou axustizados pola ditadura:
- Rogelio morre executado en 1941 na cadea de Ourense tras ser apresado en Portugal e entregado á policía franquista.
- Sebastián cae ferido nun enfrontamento coa garda civil e morre no monte en Borruga, na comarca de Trives, en 1942.
- Alfonso morre nunha emboscada da garda civil no pobo de Ocero, no Bierzo, en 1949.
- Domingo, o irmán máis novo, morre a máns da garda civil no propio Soulecín, en 1946
O seu irmán maior, Francisco, participou como enlace da guerrilla na Cabreira e foi o único supervivente dos fillos varóns.
Logo dun tempo tamén como enlaces das partidas guerrilleiras en Soulecín (“a guerrilla da chaira”), ambas irmás, Chelo e Antonia, incorpóranse á guerrilla a partir de 1945, vivindo na coñecida “Cidade da Selva” nos montes de Casaio onde se constitúe en 1942 a Federación de Guerrillas de León-Galicia con guerrilleiros anarquistas, socialistas, comunistas e sen adscrición política previa.

Antonia y Consuelo loitan na guerrilla ata que conseguen fuxir a Franza a finais da década, onde residiron ata a súa morte. Regresaron en 2004 a Soulecín para asistir xunto a outros familiares, compañeiros e compañeiras, ao acto en lembraza do asasinato dos seus pais no que se ergueu un monolito que recorda os feitos. Antonia morreu en París, no ano 2012, e a súa irmá Consuelo en 2019, na súa residencia de Ile-de-Re, en Franza.

Mais quen deu a orde, dacordo coas testemuñas dos feitos, Sergio Peñamaría de Llano acabou casando coa filla do industrial valdeorrés Marcelino Suárez, propietario de Caleras de Valdeorras, e último propietario privado da Casa Grande de Viloira, e chegou a ser Alcalde da cidade da Coruña entre 1959 e 1963, onde unha rúa aínda leva o seu nome, e foi procurador nas Cortes franquistas. Morreu en 2004.

Malia o establecido na Lei de Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro), no ano 2021, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) que goberna o Concello coruñés, votou xunto ao Partido Popular en contra dunha moción no Pleno do Concello da Coruña para retirarlle as honras que lle foran concedidas durante a Ditadura e mudar o nome da rúa “Alcalde Peñamaría de Llano” por “Mártires de Valdeorras”, tal e como fora solicitado pola CRMH da Coruña e mailo propio Concello de O Barco de Valdeorras, nunha moción aprobada por unanimidade.
Referencias:
- “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” – Aurora Marco, en Laiovento, 2011.
- “Contra o silencio” – Aurora Marco, en “Letras nómades – Experiencias de la movilidad femenina en la literatura gallega” de Ana Acuña (ed.), en Frank & Time, 2014.
- “As Mulleres do Monte: Lembranzas e pantasmas dun neno da posguerra” – Jose Antonio Gurriarán, en Editorial Galaxia, 2015.
- “O Barco e Terra de Valdeorras durante o franquismo (1931-1977)” – Félix García Yáñez, en Edicións A Nosa Terra, 2005.
- “El monte o la muerte. Manuel Girón y la primera guerrilla antifranquista de la posguerra” – Santiago Macías, en EOLAS, 2020.
- “Las fosas de Franco: Los republicanos que el dictador dejó en las cunetas” – Emilio Silva y Santiago Macías, en Ed. Temas de Hoy, 2003.
- “Todos los rostros” – Espazo web: http://todoslosrostros.blogspot.com/
- “A memoria histórica de Valdeorras: Sergio Peñamaría de Llano” – Emilio Vega, en Nós Diario, 2019
- “Non esquecer a historia. Sergio Peñamaria de Llano (I)” – Emilio Vega, en Nós Diario, e La Voz de Galicia, 2021
- “Non esquecer a historia. Sergio Peñamaria de Llano (e II)” – Emilio Vega, en Nós Diario, 2021
- “Sergio Peñamaría, de represor en Valdeorras a alcalde da Coruña” – Manuel Monge, en Nós Diario, 2020
- “Sergio Peñamaría del Llano e a banalidade do mal” – Emilio Vega, en Nós Diario, 2020
- “Esquecemento histórico do PSOE da Coruña” – Emilio Vega, en Nós Diario, 2021
- “O alcalde Peñamaría de Llano lideraba a represión no Barco” – H. Pena, en Nós Diario, 2019
- PSOE e PP rexeitan unha moción para retirar honras a Peñamaría de Llano – Nós Diario, 5 de novembro de 2021.









Deixa unha resposta a A CGT da Coruña chama a participar na IV Marcha Cívica Pola Devolución da Casa Cornide – MEMORIA LIBERTARIA NA GALIZA Cancelar a resposta