Acto de rehabilitación e dignificación da tumba de Joan García Oliver, o 11 de maio de 2025

Logo dunha investigación comezada en torno a 2010, foi atopada finalmente a localización da tumba de Joan García Oliver, en Guadalajara (México).

Joan García Oliver tiña nacido o 20 de xaneiro de 1901 en Reus, Tarragona. Activo militante anarcosindicalista dende moi novo, formou parte dos grupos “Los Solidarios” e “Nosotros” xunto a Durruti, Ascaso, Jover e outros. Logo da sublevación fascista de 1936, asume a presidencia do Comité de Milicias de Catalunya e, coa participación da CNT nos gobernos da República e da Generalitat, ocupa as responsabilidades de Ministro de Xustiza e Conseller da Generalitat de Catalunya. A derrota republicana leva a García Oliver ao exilio en varios países ata finalmente recalar en México. No exilio mexicano publicará o seu libro autobiográfico “El eco de los pasos” en 1978, dous anos antes do seu pasamento.

Da súa acta de defunción, no rexistro civil de Jalisco, foron aparecendo feitos, datas, lugares: García Oliver morreu o 6 de xullo de 1980, ás 13:30 horas. O seu pasamento foi certificado polo doutor Híjar Godínez, sinalando como causa da morte un infarto agudo de miocardio cando se atopaba só no seu domicilio na rúa Arbol 395 de Juárez. Nese momento, o vello anarcosindicalista contaba con 78 anos de idade.

Foi soterrado no Panteón Colonias, de Zapopán (sección D, corredor 4, lote 17) no mesmo nicho que o seu fillo Juan García Álvarez, finado en 1960. O enterro foi realizado en ausencia de testemuñas, amizades e ninguén que acompañara e despedira ao compañeiro na súa última viaxe.

Coa súa localización, comeza o proceso de desenvolver un proxecto para a rehabilitación da súa sepultura, sen nome, esquecida e perdida na lonxanía, irrecoñecible tralo decurso de decenas de anos. Aprobado pero sen dotación económica, a desidia gobernamental fixo o proxecto irrealizable na práctica.

A CGT, a iniciativa do coordinador de Memoria Libertaria da CGT, Joan Pinyana Mormeneo, aproba o proxecto de rehabilitación e dignificación da tumba de García Oliver en Plenaria do Comité Confederal nos anos 2023 e 2024.

O domingo 11 mayo de 2025, xunto coa CNT e adherentes anarcosindicalistas mexicanos, terá lugar o acto de rehabilitación da tumba de Joan García Oliver, realizada con medios propios, coa finalidade de rehabilitar e dignificar o seu lugar de enterramento, como espazo e lugar de Memoria, e para reparar modestamente, a grande inxusticia do seu esquecemento.




Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”