O pasado 23 de xullo de 2025, o compañeiro Octavio Alberola morría en Perpignan (Francia) .
Octavio Alberola Suriñach naceu en Alayor, na illa de Menorca, o 4 de marzo de 1928, fillo de mestres libertarios que participaron activamente na Revolución de 1936.
En 1939 sufre o exilio coa súa familia en México, onde estudiou enxeñaría civil e comeza a súa militancia nas Xuventudes Libertarias; e onde tamén participa no “Movimiento Español 59» (ME/59) creado ao abeiro da revolución cubana.
En 1962 pasa clandestinamente a residir en Francia e forma parte da resistencia libertaria contra o franquismo a través de Defensa Interior, creado polo Movemento Libertario no exilio para loitar activamente contra o fascismo español. Participa en varias accións mesmo en dous intentos de atentar contra o propio Franco.
No documental “En la brecha: anarquistas contra Franco”, a través das lembranzas de Octavio, coñecemos aquela época histórica, incidindo no exilio e a loita antifranquista levada a cabo polos homes e mulleres anarquistas naqueles días.
Tralo fin do franquismo, Octavio Alberola seguiu militando no movemento libertario en Perpignan, onde residía, contribuíndo ata o seu final na difusión da Idea a través de libros, artigos, debates, charlas… Salientamos a súa participación no Grupo por la revisión del proceso Granados-Delgado.

Tivemos a sorte de contar con Octavio en varias ocasións como conferenciante na Galiza. Por exemplo, en 2013, con motivo das xornadas libertarias organizadas pola CGT da Coruña por mor da celebración do congreso confederal na cidade.
No libro “El Peso de las Estrellas. Vida del anarquista Octavio Alberola”, de Agustín Comotto, conversa con Octavio nun percorrido pola súa vida. Esta obra foi editada por Rayo Verde Editorial en setembro de 2019.
A súa incineración terá lugar o mércores vindeiro, 30 xullo, ás 9 da mañá no Crematorio Perpinyà.
Sit tibi terra levis
Que a terra sexa leve, compañeiro!!
Máis info: “Nos ha dejado Octavio Alberola” en Memoria Libertaria









Deixar un comentario