Na cidade da Coruña, a finais do século XIX e comezo do século XX, a presencia de mulleres a traballar como operarias nas fábricas establecidas na cidade e maila súa contorna, non só abranguía ás cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Palloza, aínda que este era o colectivo máis numeroso. Entre outras, atopamos as tecedeiras das fábricas do téxtil, as traballadoras das fábricas de salazón, e as que hoxe nos ocupan, as “misteiras”, as traballadoras da fabricación de fósforos.

De mediados a finais do século XIX, a fabricación de mistos era unha actividade en alza. Na Coruña chegou a haber tres fábricas de mistos, pero a mais importante foi a da empresa “La Vasco Galaica” que establece na cidade o empresario vasco Enrique Zaragüeta.
Logo de mercar as fincas, constrúense as instalacións preto do vello barrio de Santa Lucía, no número 18 da rúa de Castiñeiras de Abaixo, aproveitando parte das naves dunha vella metalurxia. Pero non será ata 1871 cando empeza a produción de mistos na factoría.

Naquela época a fabricación de mistos era un proceso case artesanal, sen apenas mecanización ata xa entrado o século XX. Nas factorías había distintos departamentos onde se realizaban as diferentes fases da produción. No obradoiro de “cerillería” era preparada unha mestura de estearina ou parafina (na fábrica de Zaragüeta, tratábase do primeiro caso, pois fabricaba principalmente mistos esteáricos) en grandes caldeiras onde se fundían os materiais. O vástago, que no caso da fábrica coruñesa era realizado a base de fiaduras, pero que podía ser tamén de madeira ou cartón, era cortado e bañado en talleres con máquinas manuais de corte accionados mediante un pedal, para logo ser encabezado coa pasta fosfórica do misto. En paralelo, noutros obradoiros fabricábanse as caixas, de cartón e papel. A fase final era o envasado e o empaquetado.
Este proceso de produción de fósforos precisaba dun número elevado de traballadoras, polo que as factorías adoitaban contratar mulleres, pagándolles salarios máis baixos que aos homes. Ademais, normalmente, as mulleres eran ocupadas nas tarefas de fabricación, enchido, empaquetado e envasado, mentres os homes ocupábanse de tarefas máis cualificadas como os procesos químicos e a manipulación da maquinaria.
Zaragüeta, xunto co seu socio Hiriart, xa tiña creado unha fábrica similar en Euskadi, “Fábrica de Cerillas de Nuestra Señora del Juncal”, establecida na marxe esquerda do río Bidasoa en Irún (Gipuzkoa), pero as guerras carlistas causan que decida deixar Euskadi, e a fábrica acabará por ser incendiada por tropas carlistas en 1875.

Logo de marchar da súa terra, acaba por establecerse na Coruña xunto coa súa esposa Xerónima Arambillet, pasando a familia a formar parte da elitista e escasa burguesía industrial coruñesa, á que tamén pertencían xa os propietarios das outras dúas factorías de mistos: Manuel Docampo e Antonio Bescansa. A primeira, localizada na zona da Gaiteira, daquela concello de Santa María de Oza; e a segunda, na zona do Orzán. Como diciamos antes, no ano de 1871, a fábrica de “La Vasco Galaica” comeza xa a producir mistos en Castiñeiras.
As materias primas precisas para a fabricación adoitaban chegar por vía marítima ao porto coruñés, como podemos ver na prensa da época, principalmente as fiaduras, os produtos químicos como a estearina, ou os fardos de papel e cartón cos que confeccionar as caixas.


O manexo de produtos químicos e materiais inflamábeis fai que as instalacións sufran abondosos incendios. Ao longo da súa historia os incendios se repetirán na factoría, e xa comezan nos seus primeiros anos:


De xeito paralelo á actividade industrial, desenvólvese a cada vez máis activa participación de Enrique Zaragüeta na vida política, social e económica da cidade.
Trata, como candidato nas listas dos liberais, de ocupar un posto de concelleiro xa desde 1887, aínda que con non moi bos resultados fronte a Evaristo Babé y Geli, tamén empresario, mais éste do sector do refinado de petróleo, e que fora o alcalde no bienio anterior:


A pesar do mal resultado electoral, Zaragüeta continúa moi presente na vida social da burguesía coruñesa. Por exemplo, forma parte da xunta de accionistas da praza de touros da cidade e pronto tamén asumirá cargos na Cámara de Comercio, en 1889::


Sen embargo, a súa participación como síndico no chamado “Conflito da Transatlántica” salienta o seu papel político na cidade. Este conflito foi orixinado por mor dunha decisión empresarial, con apoio gobernamental, da Compañía Transatlántica Española que rebaixaba a importancia dos portos galegos e sinaladamente do coruñés en beneficio de Santander no tráfico marítimo con América. Deste xeito, acaba por lograr o obxectivo de acadar escano no pleno municipal a finais dese mesmo ano de 1889.


Sen embargo, a dedicación de debera suporlle ocupar tal cargo de responsabilidade a nivel municipal non parece que resulte interesante a Zaragüeta, se facemos caso ás críticas do semanario satírico El Duende en 1890:

Pronto, a importante vida empresarial, social e política de Enrique Zaragüeta vai a atopar freo e dificultades polo nacente movemento obreiro na cidade. Deste xeito, xa en 1884, demanda a Antonio Seoane Mantiñán, director do xornal “La Lucha Obrera” por inxurias, por algún escrito publicado na prensa obreira do que non temos novas.

O nome de Antonio Seoane Mantiñán ten relevancia pois tiña ocupado a secretaría da Federación Local Obrera en 1883, e tamén será encausado por “escarnio al dogma religioso”, outro delito de imprenta, xunto a Antonio Vidal Villanueva, outro dos fundadores da Federación Local Obreira da Coruña, Gabriel Abad Sines, secretario da sociedade cooperativa de consumo “La Amistad” e obreiro do barrio de Garás, que tiña denunciado os abusos no proceso electoral do 8º colexio (onde Zaragüeta tiña presentado candidatura), e Pedro Barreiro Caeiro.


Como curiosidade, a fábrica de mistos de Zaragüeta foi unha das primeiras en contar con liña telefónica na cidade coruñesa:

De xeito paralelo, as actividades empresariais, políticas e sociais do empresario, a súa esposa Jerónima Arambillet tamén participa activamente na vida social das damas burguesas da cidade, como nas mesas petitorias que eran instaladas nas igrexas coruñesas pola semana santa, e que aportaban esmolas para o “Asilo de Mendicidad”, de titularidade municipal.
As listaxes de “señoras” donantes, a “flor y nata” da sociedade coruñesa da época, aparecían publicadas, por suposto, logo na prensa local:



No mes de maio de 1890 prodúcese un feito de especial importancia da cidade: as intensas mobilizacións obreiras que, simultaneamente co resto de mundo, se celebran tamén na Coruña cunha folga pola xornada das oito horas. Estas mobilizacións tamén se producen na factoría de Castiñeiras, paralizando a produción. A prensa da época afirma que a folga das operarias foi forzada pola acción de piquetes, pero tamén salienta a mesma prensa a presencia das traballadoras nos mitins celebrados por mor da folga.




No marco da Ley de Presupuestos de 30 de xuño de 1892, a fin de “reforzar los recursos de la Hacienda”, dítase a Orden Ministerial de 2 de xullo de 1892, pola que se prohibe a apertura de novas fábricas de mistos.

Ao ano seguinte, pola Real Orden de 13 de marzo de 1893 (Gaceta de Madrid de 21 de marzo de 1893), constitúese o monopolio estatal para a fabricación de mistos, coa creación do Gremio de Fabricantes de Cerillas. Este gremio crease coa publicación dunha relación nominal de fabricantes, e ao mesmo quedaban subrogados todos os dereitos pertencentes ao estado para a explotación e aproveitamento do monopolio da fabricación e venta das “cerillas fosfóricas y de toda clase de fósforos”. Entre as súas funcións estaban a de exercer vixilancia para reprimir o fraude dacordo coas normas establecidas. A tal fin, contando con autorización gobernamental, os seus axentes tiñan consideración de funcionarios públicos. Deste xeito, todas as caixas de mistos debían levar como marca de fábrica “las armas de España”, aínda que os membros do gremio podían engadir o seu propio nome comercial.




Esta situación permanecerá ata 1908 coa finalización do prazo de arrendamento do monopolio.
Estas mudanzas normativas non teñen excesivo impacto nunha mellora das durísimas condicións de traballo das operarias das fábricas e rexístranse mobilizacións e intentos de organización das traballadoras ao longo deses anos de efervescencia societaria, pero haberá que esperar aínda uns anos para ver os seus froitos.
A nivel local, no que atinxe á factoría coruñesa, en 1897 morre o fundador da fábrica, Enrique Zaragüeta. Sucederalle o seu cuñado Gabriel de Arambillet, que xa exercía de xerente da mesma, pero agora baixo a denominación “Viuda de Zaragüeta y Hermanos”.

O ano 1901 representa un punto de inflexión no movemento obreiro coruñés. Dende principios de ano, son numerosas as mobilizacións de amplos sectores da clase obreira coruñesa e as traballadoras non serán unha excepción. Por suposto, as misteiras tampouco.


As traballadoras e traballadores da factoría de fósforos de Zaragüeta acaban por se integrar na Sociedade de Oficios Varios, que daquela presidía Juan José Cebrián, destacado militante da Federación Local Obreira e activo propagandista anarquista.

A organización das traballadoras impulsa a loita polas súas demandas, que son dirixidas á viuda de Zaragüeta quen nega nun principio o fundamento das peticións, mesmo a través do xornal,sendo inmediatamente respondida pola Sociedade de Oficios Varios; para logo sair pedindo un amplo prazo de resposta coa escusa de consultar ao resto de membros do Gremio.


Ante a pasividade da empresa, chega a convocatoria de folga na factoría a partir do día 15 de abril de 1901.



Celébrase o 1º de maio de 1901 coas traballadoras en folga e coa solidariedade do resto dos traballadores e traballadoras organizadas para soster a súa loita.

A firmeza das traballadoras na loita impide que entren caixas de mistos por ferrocarril, achegándose na cidade a unha situación de desabastecemento e facendo que o inspector do monopolio pedise a intervención militar para o transporte das caixas ancoradas na estación do tren.



Coa firmeza das traballadoras e a solidariedade das súas irmás e irmáns de clase, a folga continuará ata mediado o mes de maio de 1901, cando as bases presentadas e rexeitadas pola empresa, finalmente serán aceptadas.


A finais de maio de 1901, ninguén sabía o que estaba a punto de suceder na cidade da Coruña. O 30 de maio, no decurso da folga de empregados de consumos os disparos da Garda civil acaban coa vida un traballador en folga, durante a celebración dunha concentración pacífica e multitudinaria contra a presencia de crebafolgas traídos pola empresa arrendataria dese servizo desde Andalucía. E alí estaban as misteiras.

Trala morte do manifestante, as sociedades obreiras coruñesas chaman a toda a clase obreira coruñesa a secundar unha folga xeral por tres días en mostra de loito. A convocatoria é secundada masivamente e da noite ao día, as traballadoras e traballadores logran paralizar a cidade. E alí, estarán tamén as misteiras.

A folga xeral paralizou totalmente a cidade e, froito do pánico do poder, decrétase o estado de guerra na mesma tarde do 31 de maio de 1901, e as forzas do exército e maila Garda civil disparan sobre a multitude que baixaba do cemiterio de Santo Amaro, logo de asistir ao enterro do folguista asesinado o día anterior: A Folga de 1901.
Desatouse daquela unha treboada de represión sobre a clase traballadora coruñesa e as súas organizacións: detencións, xuizos, consellos de guerra… Como resposta, a clase obreira bota mán da súa arma máis poderosa, a solidariedade cos feridos e feridas, coas familias dos asasinados e cos presos e presas. E alí tamén estarán as misteiras.




A represión brutal contra a organización das traballadoras e traballadores coruñeses non foi quen de impedir a loita obreira na cidade. Á liberación das presas e presos, seguiu unha fase de reorganización das sociedades obreiras.
Ao ano seguinte, 1902, na celebración do 1º de maio xa podemos atopar as distintas sociedades obreiras funcionando. E alí de novo estaban as misteiras.

Como os incendios, os conflitos sucederanse ao longo dos anos seguintes, como veremos na seguinte entrada que nos levará dende 1902 ata o incendio de 1906, e mailo fin do réxime do Gremio de Fabricantes de Cerillas, en 1908.
Pero continua moito máis aló, como moi ben ten recollido a historiadora Ana Pose Romero, na súa obra titulada “As misteiras coruñesas : loita e asociacionismo na fabrica de fósforos (1871-1936)”.









Deixa unha resposta a Preto do 8M: lembrando ás misteiras coruñesas no paso do século XIX ao XX (II) – MEMORIA LIBERTARIA NA GALIZA Cancelar a resposta