O vindeiro venres, 10 de xullo, conmemórase o Día das Mapoulas Libertarias que lembra o asalto policial que tivo lugar o 10 de xullo de 1937, cando o franquismo desartellou con violencia brutal unha rede de casas-refuxio organizada por mulleres anarquistas nos barrios de Atochas-Monte Alto. Estas compañeiras foron asesinadas, perseguidas, encadeadas e forzadas ao exilio pola súa actividade solidaria cos perseguidos e perseguidas polo fascismo.
Como cada ano, os compañeiros e compañeiras do colectivo Refuxios da Memoria organizan unha nova edición destas xornada de memoria, xa a 9ª, cun roteiro libertario que comezará ás 19:00 horas na contorna da vella cárcere da Torre e que rematará na praza da Corales, a praza J.M. Iglesias Mato, renomeada en anteriores edicións deste día, como homenaxe a Basilisa Álvarez, alcumada “A Corales”… unha das mapoulas libertarias.
Desde Refuxios da Memoria chaman á veciñanza a participar no evento que, ao seu remate, confluirá no Campo da Leña coa foliada de Son d’Aquí, a partir das 20:30 horas.









