O domingo 19 de abril preto de medio cento de persoas concentráronse nun acto de lembranza da loita das misteiras coruñesas, no inicio do 125 aniversario dos sucesos de maio de 1901.
Ao longo do presente ano será desenvolvido un programa de eventos co obxectivo de lembrar como o 31 de maio de 1901, as Sociedades obreiras da Coruña foron quen de deter por tres días a vida económica da cidade cunha folga xeral en mostra de loito, solidariedade e condena polo asasinato dun folguista a mans da Guardia civil na tarde anterior, durante a coñecida como folga dos consumeiros.
Este programa de actos está impulsado polo Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria, coa participación das organizacións anarcosindicalistas CGT e CNT, colectivos libertarios como Naide ou Xesta, así como a editorial anarquista Bastiana.
O acto principiou cun percorrido histórico polos feitos no que foi subliñada a importante presencia de traballadoras nas factorías coruñesas naquela altura. Entre elas, as traballadoras das fábricas de mistos, as misteiras, entre outras.
Lembrouse como as operarias da factoría de mistos La Vasco Galaica, que fundara en 1871 o empresario vasco Enrique Zaragüeta na zona de Castiñeiras, integráronse en marzo de 1901 na Sociedade de Oficios Varios da Federación Local Obrera coruñesa. Plantexadas as súas demandas de melloras salariais e de condicións de traballo, xunto coa readmisión dun militante obreiro despedido, o 15 de abril de 1901 comezaron unha folga, secundada masivamente, que paralioua totalmente a factoría. Cando a empresa trata de rachar a folga traendo caixas de mistos doutras factorías, as traballadoras impiden que as caixas saian da estación do ferrocarril achegándose a cidade a unha situación de desabastecemento. A folga continuou ata que o 19 de maio a empresa acepta as bases que foran presentadas pola Sociedade obreira.
Ninguén podía imaxinar como unha onda de represión que estaba a piques de bater contra o movemento obreiro coruñés: Os sucesos de maio de 1901
Cando hai xa 125 años de aqueles feitos, coñecidos despois como os sucesos de maio, recuperamos un importante episodio da memoria da clase obreira coruñesa coa finalidade tamén de tomar exemplo da capacidade de organización e de resistencia daquelas misteiras para sermos quen de incorporalas nas nosas loitas de hoxe e de mañá, pois seguimos a prender a chama da rebeldía na procura da xustiza social e a liberdade.














Deixar un comentario