Actos centrais do 125º aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña ao longo da fin de semana

Os días 30 e 31 de maio terán lugar os actos centrais de lembranza da primeira folga xeral da Galiza, que se estendeu por tres días e cobrouse a vida de oito persoas en maio de 1901 na Coruña.

A Coruña, 25 de maio de 2026. O vindeiro fin de semana continúan os actos do 125º aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña. Se o pasado 19 de abril tiña lugar diante do monumento ás misteiras da praza de Monforte da Coruña, un acto público de lembranza da folga daquelas operarias nos meses de abril e maio de 1901, agora chegan os actos centrais do aniversario, coincidentes coas xornadas do 30 e 31 de maio.

Este programa está impulsado por unha comisión de entidades culturais, sindicais, e políticas, entre os que se atopan, xunto ao Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria, os sindicatos CGT e CNT, as organizacións libertarias Xesta e Naide, e a editorial anarquista Bastiana, que chaman a toda a veciñanza da cidade a participar nos distintos actos convocados.

Os actos, a celebrar durante a fin de semana, conmemorarán as xornadas do 30 e 31 de maio de 1901, nas que se proclamou unha folga xeral de tres días, en solidariedade e condena polo asasinato do obreiro Mauro Sánchez.

Esta folga xeral paralizou por completo a actividade da cidade e milleiros de persoas acompañaron o corpo do obreiro asasinado ata o cemiterio. A declaración de estado de guerra foi seguida dunha brutal represión que deixou sete persoas falecidas, ducias de feridos e feridas e as cadeas ateigadas de presos e presas, que serían xulgados por consellos de guerra e condenados a penas de ata 20 anos de reclusión.

O sábado 30 maio, ás 12 horas, no Circo de Artesáns da Coruña (rúa de Santo André, 36) terá lugar a presentación do libro “Polas vítimas de onte, xustiza! Folga xeral, represión e estado de guerra na Coruña en 1901”, editado pola editorial Bastiana. O libro recolle a historia do acontecido e a permanencia destes feitos na memoria da clase obreira coruñesa ao longo do tempo. Na presentación participarán os autores, Daniel Palleiro e Francisco Ascón. O acto rematará cunha actuación musical.

En 1906, a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, levantouse un monolito no cemiterio de Santo Amaro en lembranza das vítimas daquela represión. Ese monumento acollerá o domingo 31 de maio, ás 12:30 horas, un acto de homenaxe ás obreiras e obreiros asasinados cunha ofrenda floral e o relatorio dos feitos, do mesmo xeito que se facía ata a sublevación fascista de 1936 e como se ven facendo dende a década dos 80 do século pasado polo anarcosindicalismo local. Logo do acto no monolito, no exterior do cemiterio, o grupo “Comadres” interpretará varias cancións incluíndo unha cantiga composta especialmente para este 125 aniversario.





Deixar un comentario

qué é isto?

Un espazo para ir recollendo información para a recuperación, conservación e difusión da memoria libertaria e a historia do movemento obreiro na Galiza.

Newsletter

A Folga de 1901 na Coruña, na prensa

Boletín “A Folga de 1901: os sucesos dos días 30 e 31 de maio de 1901 na Coruña”

A Folga de 1901, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados

Solidaridad Obrera de Galicia – 1911

Conflitos obreiros e Folga Xeral de 1903 na Coruña: a figura de Mª Manuela Vázquez Mejuto “La Morenita”

Folga Xeral revolucionaria de 1933 na Galiza

A Folga de 1901, no “Suplemento a la Revista Blanca”